A mercadotecnia galega reuniuse en Riazor para debater sobre a IA da man de APD e Markea

mércores, 15 de abril do 2026 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e Markea, co patrocinio de Avante e Raiola Networks e a colaboración do RC Deportivo, TAC! e os clústers do Ecommerce Galego e da Comunicación de Galicia, celebraron na mañá deste 14 de abril, no Estadio Abanca-Riazor, o seu Foro de Marketing e Vendas: un encontro anual que busca analizar as tendencias máis relevantes para os profesionais da comunicación, a mercadotecnia e as vendas.
O encontro, que celebra este ano a súa VIII edición con máis dun centenar de rexistrados, puxo o foco nas principais pancas de crecemento da mercadotecnia actual: o comercio electrónico, a intelixencia artificial e as estratexias B2B, a través de casos reais e experiencias de compañías líderes.
Durante a benvida aos asistentes, a directora de APD en Galicia, Mercedes González, remarcou que este foro segue reforzando o seu posicionamento como referente do sector, agradecendo a todos os patrocinadores e colaboradores pola súa implicación.
Pola súa banda, Lucía González, vicepresidenta de Markea, sinalou que desde Markea buscan xerar este tipo de encontros que axuden ao potenciar o traballo en rede entre os profesionais da mercadotecnia galega, aproveitando para crear sinerxías e contactos de valor.
O encontro comezou cun relatorio centrado en IA e a súa capacidade de transformar as empresas, de man de dúas expertas de Avante: Laura Alonso, directora de Contas; e Patricia Rincón, xestora de Innovación da firma. Ambas compartiron cos asistentes como a integración da IA en diferentes roles da empresa pode transformar as organizacións e reducir de xeito considerable o tempo de traballo. Para iso, as relatoras mostraron exemplos reais de aplicación de axentes de IA en empresas e clientes como Clicars, Alimerka, Moeve, Ryobi ou a Denominación de Orixe Rías Baixas; desenvolvendo labores de investigación e análise estratéxica, activación táctica e operativa de medios; ou medición, optimización e insights de campaña.
A primeira mesa redonda do encontro tivo ao ecommerce como gran protagonista, coas intervencións de Roberto Fraga, director executivo (CEO) de Pilgrim; María Dosil, responsable de Ecommerce & Marketing Digital de Alda Hotels; e Manuel Vilela, director de Proxectos de Nutribiótica; baixo a moderación de Judit Cabana, vicepresidenta do Clúster do Ecommerce Galego. Os relatores compartiron as súas estratexias de captación e conversión, mostrando as diferenzas entre as súas marcas e públicos obxectivos. Entre as grandes aprendizaxes sinaladas polos relatores, destacan unha auditoría profunda das plataformas web; o estudo e potenciación da postventa e a xeración dun clima que favoreza a competencia interna, a innovación e a revisión continua de todos os procesos.
A IA volveu subir ao escenario de man de Álvaro Fontela, CEO de Raiola Networks; que moderou a seguinte mesa redonda; coas participacións de Yago Fernández, responsable de Growth Automation de Tales Venture; Daniel Cerqueiro, director de Marketing de Docuten; e Iria Álvarez, CEO de Almamark e co-fundadora de Iacobus. Os catro compartiron os seus usos da IA na automatización dos procesos internos e na atención ao cliente; onde sinalaron a dificultade de atopar perfís cualificados nesta área, optando polo reskilling continuo dos seus equipos. Tamén se fixo fincapé na necesidade de seguir priorizando o criterio e a sensibilidade humana detrás de todas as automatizacións que vaia incorporando a organización.
A última mesa analizou as complexidades na mercadotecnia B2B, con Beatriz Pereira, CEO de IUNI Strategic Marketers como moderadora e Marcos Escudeiro, CMO de Finsa; Cecilia Díaz, xestor de Marketing de Red Hat; Diego López, CEO e fundador de TAC!; e Sergio Martínez-Aoiz, responsable de mercadotecnia, negocios especializados e patrocinios de Abanca como relatores. Desde as súas diversas perspectivas, os relatores reflexionaron onde, cando e como é necesario posicionar as accións de fidelización cos clientes; analizando cales son os erros de comunicación entre mercadotecnia e vendas, sen coordinación entre os contidos xerados e a forma de presentalos. Todos coincidiron en sinalar que “a comunicación interna é clave2, e que, na relación co cliente, “debe ser prioritaria a calidade e o trato próximo na mensaxe”.
Tras finalizar o encontro, os asistentes desfrutaron dunha visita exclusiva ao Estadio Abanca-Riazor e ao seu recentemente estreado Museo, poñendo un broche de ouro a un encontro diferencial.