A mercadotecnia nas súas diferentes facianas online centra os novos obradoiros de SmartPeme+

luns, 9 de xuño do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta segunda semana de xuño seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 9 e o xoves 12 de xuño e afondarán en cuestións tan relevantes como a mercadotecnia polo correo electrónico (email marketing), as redes sociais ou o comercio en liña, entre outras.
Este luns 9 celebrarase o obradoiro telemático Coñece o que o email marketing pode facer polo teu negocio, a partir das 12.00 horas organizado pola oficina de Lalín. Porase o foco nunha ferramenta fundamental para que as empresas conecten cos seus clientes e nesta sesión as persoas participantes aprenderán a sacarlle o máximo partido á súa estratexia. Será impartida por Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e imaxe corporativa, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 10, en formato telemático ás 12.00 horas, realizarase o obradoiro Como usar Tik Tok na túa empresa coordinado pola oficina de Vigo. Os participantes coñecerán todos os segredos dunha das redes sociais máis populares do mundo da man de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas co especialización en mercadotecnia dixital. As inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
Tamén o martes ás 20.30 horas terá lugar na oficina do Porriño o obradoiro presencial O teu negocio nas redes sociais: máis visibilidade, máis clientes. Esther Garcinuño, licenciada en Administración e Dirección de Empresas, ensinará aos asistentes como destacar nas redes sociais e atraer máis clientes, e as inscricións pódense realizar no formulario en liña específico.
O mércores 11 a Deputación organiza ás 9.30 horas o obradoiro presencial Crea a túa tenda en liña con Prestashop II: personaliza a túa tenda na oficina de Ponteareas, no que os participantes aprenderán a construír desde cero as súas tendas de comercio electrónico. A sesión será impartida por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en mercadotecnia dixital. As inscricións poden realizarse no seguinte formulario.
Tamén o mércores, ás 20.30 horas na oficina de Porriño, terá lugar o obradoiro presencial Fotografía e vídeo para redes sociais. A sesión abordará como dominar a creación de contidos para redes sociais co teléfono móbil da man de Lara Taboada, licenciada en Estudos Artísticos de Deseño Gráfico e especializada en composición fotográfica creativa. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
Por último, o xoves 12 realizarase o obradoiro telemático Organiza e planifica o teu negocio con Notion, ás 12:00 horas organizado pola oficina de Vigo. Nel os participantes aprenderán a usar Notion desde cero para organizar tarefas, clientes e contido básico do seu proxecto. Será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. As inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.