A mercadotecnia sustentábel, a ciberseguridade e as infraestruturas dixitais centran os novos obradoiros de SmartPEME

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, oferta esta semana de xaneiro tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, a mercadotecnia sustentábel e a infraestrutura dixital. As accións formativas inícianse este luns, 22 de xaneiro, ás 10:00 horas, con Ciberseguridade, que é o malware.
Trátase dun obradoiro para dar a coñecer aos asistentes que é o malware, os seus diferentes tipos ou como saber se un dispositivo está infectado. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.
O mércores 24, de 12.00 a 13.00 horas, celebrarase o obradoiro Márketing sostible, onde Fátima Faílde, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, dará a coñecer a importancia de analizar a sostibilidade e como desenvolvela tanto nos propios negocios como en accións da mercadotecnia.
Finalmente o xoves, 25 de xaneiro, de 11.00 a 12.30 horas, desenvolverase o obradoiro Infraestrutura dixital. canto custa enviar un Whatsapp? a cargo do experto en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

PUBLICIDADE