A ministra de Defensa, Margarita Robles, visita o Centro Especializado de Defensa de Indra en Vigo
luns, 28 de xullo do 2025
A ministra de Defensa, Margarita Robles, e a secretaria de Estado de Defensa (SEDEF), Amparo Valcarce, visitaron este luns 28 de xullo o Centro Especializado en Defensa de Indra en Vigo. O conselleiro delegado de Indra Group, José Vicente de los Mozos, encargouse de mostrar á ministra e á SEDEF os proxectos punteiros que se están abordando nestas instalacións.
De los Mozos destacou que “este centro conta cun equipo de 70 profesionais altamente especializados, que forman parte dos 1.600 profesionais cos que a compañía conta en Galicia, onde contamos con 8 centros de traballo e presenza en todas as provincias”.
Lembrou que a firma leva a cabo proxectos tanto civís como militares, contribuíndo á transformación dixital da Administración pública e empresas de todos os sectores; prestando soporte á Armada desde o Centro de Excelencia en Loxística de Ferrol; realizando experimentación e probas de voo desde Rozas, en Lugo; e traballando desde os seus Centros de Santiago e Ourense en tecnoloxías punteiras. A isto súmase o apoio que Indra proporcionou á fábrica de microchips que se está creando en Vigo, SPARC, tras converterse nun dos principais accionistas da mesma.
Na súa visita á sede Indra en Vigo, Robles e Valcarce puideron comprobar de primeira man o labor que este equipo está a desempeñar en proxectos tan importantes como o desenvolvemento do Sistema de Mando e Control Estratéxico da UE, “un sistema único no mundo”, en palabras de José Vicente de los Mozos, “que facilitará a coordinación de misións militares conxuntas nas que interveñan varios exércitos da UE”.
Tamén comprobaron como se desenvolve o software dos sistemas de defensa electrónica terrestres e navais de Indra e como se traballa en técnicas avanzadas de optimización de radares e sistemas de defensa electrónica que aseguran o seu máximo rendemento, o que sobre o terreo se traduce en maior seguridade e superioridade do noso exército.
O CEO do grupo expuxo tamén o traballo que se está levando a cabo desde Vigo no desenvolvemento do sistema de ataque electrónico do novo radar de varrido electrónico activo MK1 dos Eurofighter, nas súas palabras “un dos máis avanzados do mundo e clave para que este caza manteña a súa superioridade nas próximas décadas”. Tamén coñeceron como se están evolucionando os sistemas de detección de drons por imaxe e radiofrecuencia, “que son fundamentais para neutralizar os ataques destes aparellos e poder intervir en conflitos modernos”, sinalou, destacando tamén “a estreita relación de colaboración do Centro Especializado en Defensa coa Universidade de Vigo, que achega coñecemento e profesionais de primeiro nivel que Indra foi incorporando ao seu equipo” e engadiu que “desta forma ofrecemos aos nosos mozos unha carreira atractiva de alto nivel tecnolóxico, retendo o talento e contribuíndo á vertebración do territorio, aliñándonos para iso cos corredores industriais definidos polo ministerio de Defensa”.
Indra puxo en marcha o Centro Especializado en Defensa de Vigo en 2022. Neste momento, Indra traballa para poñer en marcha en Vigo un novo Centro de Excelencia en Tecnoloxías Aeroespaciais e de Defensa. Este mesmo mes pechou un acordo coa Zona Franca de Vigo para instalarse no edificio 2 do Vigo TIC Global Hub.
Na visita, a ministra e a SEDEF estiveron acompañados polo responsable tecnolóxico de Indra, Manuel Escalante, e os directores de Indra en Galicia, José Luis Albo, e a directora do Centro de Indra en Vigo, Ruth Escarda.
