A mocidade de Appventurers desenvolverá apps de Realidade Aumentada en espazos emblemáticos de Santiago
martes, 10 de outubro do 2023
Durante
os próximos 12 meses, 16 mozos e mozas menores de 30 anos recibirán
formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con
tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia
interactivos. Será
grazas ao programa de emprego Appventures, que este martes 10
de outubro inaugurou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais,
Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, nun acto
celebrado en Abastos no que tamén participou o delegado territorial
da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Segundo
explicaron, o programa Appventurers combina a formación co
traballo, “de maneira que o alumnado recibe formación ao tempo que
está contratado para realizar un traballo real”. En concreto, os
mozos e mozas participantes desenvolverán aplicacións móbiles de
Realidade Aumentada sobre o Museo do Pobo Galego, a Praza de Abastos
e a senda peonil do Sar. O obxectivo é “utilizar estas solucións
tecnolóxicas innovadoras para mellorar e enriquecer a experiencia
das persoas que visitan eses tres puntos, ofrecendo unha capa de
información adicional que axuda a comprender mellor eses lugares”,
sinalou a concelleira, engadindo que “a Realidade Aumentada tamén
permitirá atraer novos públicos ás zonas elixidas para o
proxecto”.
A
aplicación móbil terá como obxectivo enriquecer a experiencia dos
e das visitantes do Museo do Pobo Galego e da Praza de Abastos,
contextualizando mellor os espazos e as súas características. No
caso do Banquete de Conxo, representarase a evolución deste ámbito
en tres momentos históricos e en tres lugares distintos: o bosque do
Banquete de Conxo, as Brañas de Sar e a Colexiata, e a Fábrica da
Mañoca.
Appventurers
é un programa de emprego destinado a persoas mozas incluídas no
ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, co-financiado polo
Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 ao 60%. O programa conta un
orzamento de 424.836,96 euros.