A mocidade de Arteixo poderá formarse en IA esta primavera
xoves, 16 de abril do 2026
O Concello de Arteixo, a través da Área de Mocidade, vai organizar esta primavera un curso formativo e divulgativo de intelixencia artificial dirixido á mocidade, concretamente ás mozas e mozos de idades comprendida entre os 12 e os 30 anos, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio que desexen iniciarse ou profundar nesta tecnoloxía emerxente.
O curso terá unha duración de 12 horas lectivas, que se desenvolverán ao longo de seis xornadas todos os sábados. As sesións están programadas para os días 25 de abril, e para os días 2, 9, 16, 23 e 30 de maio. A actividade terá un custe de seis euros por participante.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 20 de abril a través da ligazón habilitada polo Concello.
Con esta formación, informan dende o Consistorio, “queremos reafirmar o noso compromiso coa capacitación tecnolóxica dos máis novos, facilitando ferramentas clave para o seu desenvolvemento persoal e profesional nunha contorna dixital en constante evolución”.
