A mocidade de Vilagarcía poderá mellorar o seu currículo con formación en Impresión 3D

venres, 13 de setembro do 2019 Redacción

A Concellería de Xuventude de Vilagarcía vai impulsar o mes que vén un curso de balde sobre Deseño Prototipado por Impresión 3D. A actividade formativa, cuxo prazo de inscrición foi ampliado (aínda estamos a tempo para formalizar a nosa participación), desenvolverase entre o primeiro de outubro e o 2 de decembro no Centro Municipal de Formación de Matosinhos (Vilagarcía). O obradoiro está dirixido á mocidade de 16 a 30 anos e ofértase a través do proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade. Os interesados poden anotarse a través da páxina web deste proxecto.
Poderán concorrer até un máximo de dezaoito mozas e mozos en desemprego de idades entre os 16 e os 30 anos. O curso, subvencionado polo Fondo Social Europeo, é unha actividade de gran potencial e interese para fortalecer as opcións dos alumnos de atoparen un traballo, xa que a experiencia en impresión 3D e en moitas das tecnoloxías que rodean esta contorna creativa están a ser requiridas por unha chea de empresas e entidades no mercado laboral.
O curso ten unha duración de 316 horas, das cales 200 son horas lectivas, 16 horas de titorías técnicas e de empregabilidade, e 100 horas de carga estimada de traballo do alumnado en proxectos individualizados. A formación será impartida por profesionais/formadores coñecedores do sector e que dispoñen de contactos continuos con empresas do sector e que colaborarán na inserción laboral dos alumnos. Polo que se refire aos contidos, estes son os bloques principais: Módulo de deseño industrial CAD, Módulo de mecanizado CNC, Módulo de impresión 3D e Empregabilidade.

PUBLICIDADE