A mocidade galega e os seus hábitos tecnolóxicos sometidos a un estudo por parte do OSIMGA

martes, 22 de outubro do 2013 Redacción

Un estudo publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de someter a análise á mocidade galega e o seu uso coas TIC. Deste estudo dedúcese que a convivencia tanto con nenos en idade escolar obrigatoria coma con estudantes maiores de 16 determina un introdución de servizos TIC moi superior á media. O devandito ensaio -que leva por título Os mozos e as TIC- confirma a existencia de grandes diferenzas respecto á contratación do servizo de Internet segundo a convivencia con nenos. Así, 3 de cada 4 vivendas con nenos de 3 a 16 anos dispoñen de conexión a Internet, fronte á metade dos fogares onde non hai presenza de nenos.
Esta porcentaxe aumenta cando no fogar hai estudantes maiores de 16 anos, neste caso, 8 de cada 10 fogares con rapaces neste treito de idade dispón de banda larga, fronte ao 49,3% dos fogares sen estudantes. De referírmonos ao equipamento, o informe indica que dispoñen de computador o 86,2% dos fogares con nenos de entre 3 e 16 anos, fronte ao 61,6% dos fogares onde non hai nenos nesas idades. A dispoñibilidade do computador é tamén máis común en fogares con estudantes maiores de 16 anos, cunha introdución do 95,3%. Asemade, outros aspectos foron abranguidos neste estudo temático, é o caso do propio uso de Internet, tirando como conclusión que nos últimos tres meses, a convivencia con estudantes maiores de 16 anos foi determinante á hora de conectarse á Rede, de xeito que o seu uso acada o 97,1% cando existe convivencia con estudantes, e redúcese até o 54,6% nos casos nos que non existe tal convivencia. E en canto á quen emprega máis Internet? A resposta semella decisiva, os mozos e mozas galegas son os usuarios por excelencia das novas tecnoloxías, 9 de cada 10 de mozos entre 16 e 34 anos utilizou o computador nos últimos 3 meses, case 30 puntos por riba da media xeral.
E por último, engadir que esta enquisa elaborada polo OSIMGA tamén investigou o uso de Internet dos chamados nativos dixitais e, máis polo miúdo, das redes sociais, a partir do estudo Adolescentes e Internet en Galicia, elaborado polo Valedor do Pobo Galicia 2011. Neste senso, concluíuse que o 87,3% dos adolescentes galegos se conectan cunha frecuencia semanal e 6 de cada 10 faino a diario. O tempo adicado a Internet amosa o protagonismo da Rede na vida das e dos adolescentes galegos, sendo o 28,1% o que navega pola Rede máis de dúas horas diarias e un 45,8% entre 1 e 2 horas ao día. Fronte a estas cifras cómpre enfrontar estoutras: 1 de cada 4 pais non empregaron nunca ou case nunca Internet, dato que contrasta de certo coa porcentaxe rexistrada entre os adolescentes. Mención á parte merecen as redes sociais, unha verdadeira revolución que se converteu na aplicación máis utilizada. O seu uso é ben popular entre a poboación adolescente, nada máis e nada menos que un 85% dos adolescentes galegos fai uso das redes sociais, máis de 6 de 10 realiza descargas e procura información vinculada aos estudos.

PUBLICIDADE