A mostra Exxperimenta en Feminino recala este cuadrimestre en sete centros educativos galegos
mércores, 1 de decembro do 2021
A
mostra
itinerante Exxperimenta en Feminino, como cada curso
académico, está a chegar este cuadrimestre a unha chea de
institutos galegos. En concreto, a exposición recala cada quince
días nun centro diferente, un total de sete da nosa xeografía,
presentando as vidas e traxectorias de mulleres destacadas de
historia da ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría. En total: 14
referentes femininos do ámbito STEM. É unha iniciativa de
profesoras e investigadoras de varios centros do Campus de Ourense: a
Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría
Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do Campus de
Ourense.
A
exposición arrancou na segunda quincena de setembro no IES Cidade de
Antioquia de Xinzo de Limia (Ourense) e está previsto que este
cuadrimestre, ata o inicio de 2022, pase polos institutos de
educación secundaria Aquis Querquernis de Bande (Ourense); Julio
Prieto Nespereira (Ourense); Nº 1 de A Estrada (Pontevedra); O Couto
(Ourense); Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña), e Vilamarín
(Ourense). En cada un destes centros permanece 15 días. O vindeiro
ano a mostra continuará ata xuño o seu percorrido, estando previsto
que, en total, durante o curso 2021/2022 chegue a 17 centros
educativos galegos.
Trátase
dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da
Universidade de Vigo e da Fundación Española para a Ciencia e a
Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencias, e que ten como
obxectivo último “espertar en rapazas e rapaces a vocación
científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo
STEM”.
A
iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a
pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado
ano, e desde a súa organización salientan a súa satisfacción
“pola boa acollida que ten”. Tamén agradecen a implicación
docente na mostra e nas actividades complementarias da mesma:
concursos, xogos, programas de radio ou visitas guiadas.
A
exposición está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre
mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a
exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron
as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como
posteriormente. A escolma de mulleres abrangue desde a investigación
básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde
a física á informática. Así, a través dos paneis expostos, o
público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española)
en presentar unha tese no eido da astronomía ata a muller que deu o
seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a
exposición ofrece información da física Mileva Maric; da
física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora
Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da
bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie
Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da
enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther
Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da
química industrial e farmacéutica María José Núñez; da
farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos
alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica
Teresa Toral. Trátase, apuntan desde a organización, de
“mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras
científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que
foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100
profesoras que participan en Exxperimenta
en Feminino”.