A mostra Galicia100 abre as súas portas físicas e dixitais

mércores, 11 de maio do 2016 Redacción

Finalmente abriu as súas portas na sede de Afundación en Santiago (rúa do Vilar 19) a exposición que achega un percorrido pola historia e a identidade de Galicia a través dun centenar de cousas con capacidade de abonda para definilas (a historia e máis a identidade). Cousas como o mosquetón de Foucellas, o báculo e o anel do bispo Gonzalo (que adiantamos os días pasados salientando a posibilidade de velos en 3D) ou a bandeira do Consello de Galiza. Falamos da mostra Galicia100, que vén da man do Consello da Cultura Galega (coa colaboración de Afundación e Abanca) e que foi inaugurada este martes polos principais representantes das ditas entidades, Ramón Villares (presidente do CCG) e Miguel Ángel Escotet (presidente de Afundación). A apertura da exposición tamén contou coa presenza do seu comisario, Manuel Gago, profesor da USC, director de culturagalega.org e editor de Capítulo 0. Por certo que a TVG está a amosar diariamente (desde o luns 25) unha escolma das pezas seleccionadas. Na inauguración tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo fixo saber Gago no devandito acto, a exhibición ten unha ampla e vizosa vertente tecnolóxica: conta con catálogo, aplicación para dispositivos móbiles e un sitio web (galicia100.consellodacultura.gal) que aposta pola interactividade na dixitalización do patrimonio. Gago engadiu que “a ofrece unha lectura da identidade e da cultura galega a través de pezas significativas, escollidas pola súa capacidade de representar tempos, épocas, xentes e mentalidades”. Ou sexa, apuntou, trátase de ofrecer ao visitante “unha experiencia na que os obxectos cobran protagonismo como punto de partida para contar como somos e como chegamos a ser o que somos”.
A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con “outros máis emblemáticos” como a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. A mostra ficará aberta até o 18 de setembro en Santiago, desde onde iniciará un percorrido que a levará ata a Coruña e Vigo.
Un dos elementos fundamentais da proposta é o seu catálogo, no que atoparemos “unha lectura cronolóxica dos obxectos” e no que estes están comentados, “en textos moi divulgativos”, por máis de sesenta expertos nunha manchea de eidos de investigación, entre os que están Francisco Díaz-Fierros, Chus Martínez Domínguez, Emilio Pérez Touriño, Xurxo Ayán ou David Barro. Este catálogo, ademais de impreso, dispón de web de seu e unha aplicación de balde para móbiles e tabletas na que amais dos contidos textuais e gráficos, temos acceso a contidos interactivos, multimedia e participativos. Segundo fixeron saber na presentación, catálogo e app poderanse descargar de balde desde a web da exposición a partir desta cuarta feira (mércores 11).
A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da escolma nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, engadiuse, as pezas agrúpanse entre si “rompendo o tradicional esquema cronolóxico” e “buscando o diálogo e as relacións a través de épocas”, das pezas entre si e delas co visitante. A intención, polo tanto, é “animar ao visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado”.

PUBLICIDADE