A mostra da USC sobre as cantantes líricas galegas convértese en viaxe virtual
xoves, 28 de novembro do 2024
A exposición Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África, que ata o pasado 16 de novembro puido visitarse no Salón artesoado do Colexio de Fonseca (Universidade de Santiago), emprende agora unha viaxe virtual.
O obxectivo da mostra, comisariada polo profesor de Historia da Música da USC Javier Garbayo e a profesora da UNIR Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno, foi recuperar a memoria de dúas ducias de mulleres, todas co nexo común de seren grandes cantantes líricas galegas.
A proposta artellouse a través dun formato atractivo baseado en paneis informativos ilustrados, organizados como un gran decorado teatral, complementándose cun apartado específico de actividades didácticas interactivas dixitais deseñadas por un equipo de especialistas en colaboración co Grupo de investigación TecnoEduc e baixo a coordinación da profesora Laura Touriñán.
A exposición presencial nútrese agora da realidade virtual para estender o seu alcance posibilitando unha visita inmersiva grazas á colaboración co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Ao novo formato, que reproduce boa parte dos materiais da exposición, accédese dende un navegador web por medio de dispositivo móbil ou de sobremesa.
Dende hai varios anos, a Área de Elearning do CESGA deseña e experimenta con ferramentas de Realidade Aumentada e Realidade Virtual para o seu uso educativo, no marco de Proxectos Europeos de Innovación Educativa.
A USC salienta que a colaboración co CESGA “permite ademais o acceso directo ao conxunto de actividades didácticas interactivas dende a propia visita virtual, cunha ampla despregadura de recursos onde tamén se utiliza Intelixencia Artificial Xerativa”.
A Universidade tamén salienta que a exposición dótase dun formato que permite “xogar” mergullando nos seus contidos, facéndoos máis accesíbeis e atractivos para o público novo.