A mostra de realidade virtual Carne y Arena xa foi experimentada no Gaiás por 2.000 persas

luns, 1 de agosto do 2022 S. P.

Alejandro González Iñárritu, dirixindo durante unha toma de captura de movemento, visto pola cámara de Chachi Ramírez

A Xunta fixo balance do interese xerado pola instalación de Realidade Virtual Carne y Arena, (Virtualmente presente, Fisicamente invisible), artellada polo director mexicano Alejandro G. Iñárritu e que se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia até o 18 de setembro. Segundo puidemos saber, case dous milleiros de persoas persoas esgotaron as entradas de xullo á dita instalación, unha innovadora proposta artística que nos achega a experiencia das persoas migrantes que cruzan o deserto entre México e os Estados Unidos.
Premiada cun Oscar pola Academia de Hollywood, esta pioneira proposta inmersiva chega a Santiago de Compostela, sendo a primeira cidade da Península en acoller este proxecto (tras o seu paso por cidades como Milán, Ámsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Os Ánxeles ou Cidade de México), producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, e que se pode vivir en Galicia da man da plataforma cultural 90_20 no marco do Xacobeo 21-22.
Nesta mostra, Alejandro G. Iñárritu colaborou con migrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos para acadar “o maior nivel de realismo”. Segundo explicou el mesmo na presentación do proxecto, “a miña intención era permitir ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”. O resultado é un espazo multinarrativo con secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.
Carne y Arena non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Recoméndase consultar toda a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.

PUBLICIDADE