A mostra interactiva do Pacto Verde Europeo chega este venres 12 a Rianxo

mércores, 10 de xullo do 2024 S. P.

A mostra Pacto Verde Europeo de Europe Direct A Coruña (Deputación) chega o venres 12 de xullo a Rianxo. Esta mostra sobre as políticas verdes da Comisión Europea poderá visitarse durante dúas semanas na praza da Manuela.
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para avanzar cara un sistema económico sustentábel, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos.
A mostra, de marcado carácter tecnolóxico, incluirá unha actuación artística para introducir ao público na temática medioambiental a través dun espectáculo de malabares, acrobacias e equilibrios. Será o venres 12 de xullo ás 13:00 horas.
A exposición achega á cidadanía as políticas da Unión Europea para conseguir a neutralidade climática nas vindeiras décadas.
Como dixemos, o Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para avanzar cara un sistema económico sostíbel, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. Como se explica de maneira accesíbel nos paneis, o obxectivo inicial é reducir as emisións nun 55% ata 2023 como primeiro paso para acadar a neutralidade climática no ano 2050.
A mostra tamén visitará o concello de Lousame.
Experiencia interactiva
A exposición busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil. A primeira delas é Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro Europe Direct A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.
Tamén está dispoñíbel o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web da Deputación da Coruña.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.