A mostra interactiva sobre Valentín Paz-Andrade fai parada en Compostela

mércores, 19 de setembro do 2012 Raquel Noya

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de trasladar a súa exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade a Santiago de Compostela, onde estará ata o vindeiro 31 de setembro.
A vida e obra do autor homenaxeado no pasado Día das Letras Galegas, daranse a coñecer na Biblioteca Pública Ánxel Casal de xeito moi distinto ao tradicional, a través duns paneis interactivos dende os que os visitantes acceden aos textos explicativos dunha maneira máis lúdica e amena.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañados pola subdirectora da biblioteca nodal, Begoña Domínguez, foron as personalidades encargadas da súa inauguración o pasado 18 de setembro, nun acto para os medios no que aproveitaron para interactuar nos distintos paneis.
A mostra está formada por 5 paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas do escritor e empresario; cada un deles inclúe candasúas pezas audiovisuais nas que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade.
Entre estas celebridades atópase o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.
Logo do seu paso por Compostela, a mostra continuará a súa viaxe polas bibliotecas nodais de Lugo e da Coruña, que lle darán acubillo en outubro; e por Espazo Xoven de Ourense, onde estará en novembro.
A itinerancia da exposición rematará no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a onde chegará no mes de decembro.

PUBLICIDADE