A multinacional Boeing visita este mércores a Aula Newton de Galicia na Tecnópole

martes, 13 de xuño do 2023 S. P.

Promover de xeito gratuíto as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque moi innovador é o obxectivo da chamada Aula Newton, unha proposta nada en Noruega por parte da ONG FIRST Scandinavia e que na actualidade se está a estender a escala internacional co apoio de Boeing. No caso galego, contamos coa Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, que leva un ano e medio de actividade no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense). Este mércores recibirá a visita Boeing.
Trátase dunha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemática que está encamiñada a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato.
Cómpre sinalar que esta Aula Newton está impulsada conxuntamente pola multinacional aeroespacial Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
A Aula Newton Galicia vai celebrar dúas xornadas de portas abertas. A primeira será mañá mércores, 14 de xuño, ás 12:30h, para os medios de comunicación e empresas do Parque, coa asistencia de responsábeis das diferentes entidades promotoras desta iniciativa, entre eles o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Boeing Research & Amp; Technology Europe, Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos; Alysia Tofflemire, directora executiva de First Scandinavia; e o director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.
A xornada do xoves, 15 de xuño, abriranse de novo as portas da Aula para os traballadores e traballadoras de Tecnópole e as súas familias, así como para o público en xeral. Haberá tres pases ao longo da mañá: de 10 a 11:15h, de 11:30 a 12:45h e de 13 a 14:15 h. Os asistentes participarán na actividade A aventura de voar, converténdose en pilotos por un día. Os interesados deberán inscribirse previamente a través da ligazón específica habilitada. As prazas están limitadas a 32 persoas por pase sendo a idade mínima de 10 anos.

PUBLICIDADE