A música de Morricone chega aos móbiles de LG

mércores, 22 de decembro do 2010 Marcus Fernández

LG anunciou hoxe que vén de chegar a un acordo co compositor Ennio Morricone, para incluír a súa música coma tons de chamada nos seus novos smartphones, sendo o primeiro en facer tal o LG Optimus 2X (o primeiro móbil con procesador de dobre núcleo do mercado).
Os enxeñeiros de LG están a adaptar a música para que poida escoitarse á perfección nos seus novos terminais, o que tamén contribuirá a consolidar os móbiles coma reprodutores multimedia portátiles.
En total serán 25 as composicións de Morricone que incluirán os móbiles de LG, das que 15 serán temas novos e exclusivos, acompañados por outras 10 composicións coñecidas do autor de bandas sonoras de películas coma Cinema Paradiso ou La Misión. Aparte das cancións, tamén procurarán desenvolver aplicacións con imaxes e vídeos sobre Morricone que estarán dispoñibles a través da LG Application Store.

PUBLICIDADE