A música de Queen chega a Beat Saber

mércores, 24 de maio do 2023 Marcus Fernández

O xogo rítmico en realidade virtual Beat Saber continúa a incrementar o seu catálogo de temas musicais, non só con cancións actuais, senón tamén con grandes clásicos, entre os que destaca especialmente o lote que veñen de pór á venda con pezas da banda británica Queen, o que facilita gozar da súa música como nunca se fixo antes.
O Queen Music Pack ten un prezo de 1,99 euros/canción ou 19,90 euros os 11 temas, aínda que promocionalmente pode adquirirse por 12,72 euros, o que é unha magnífica oportunidade para os seareiros de Freddie Mercury, Brian May, Roger Taylor e Joh Deacon, membros da formación dos que poderemos ver as súas siluetas en luces de neon mentres xogamos ao ritmo das súas cancións.
As cancións de Queen que veñen de incorporarse a Beat Saber son Another One Bites the Dust, Bohemian Rhapsody, Crazy Little Thing Called Love, Don’t Stop Me Now, I Want It All, Killer Queen, One Vision, Somebody to Love, Stone Cold Crazy, We Are The Champions e We Will Rock You.
Cómpre lembrar que Queen xa estivo presente noutros xogos musicais como Guitar Hero e Rock Band, e incluso teñen un xogo móbil de seu.

PUBLICIDADE