A narrativa transmedia de Harry Potter centra a tese da investigadora Marta Veiga da USC

venres, 19 de xullo do 2024 S. P.

Os mitos de antes seguen presentes entre nós. Esta é a base da investigación da xornalista e profesora na Facultade de Humanidades da USC, Marta Veiga Izaguirre, presentada baixo o título Hexemonía e maxia: a pedra filosofal das narrativas transmedia na era fanfiction. A investigadora trazou na súa tese de doutoramento unha análise cultural dun dos fenómenos pop máis relevantes dos últimos anos, a narrativa transmedia de Harry Potter, así como da comunidade que se ten xerado ao redor deste personaxe creado pola escritora británica J. K. Rowling. O traballo logrou evidenciar como certos elementos das narracións orais perduran nos relatos contemporáneos.
Segundo reflicte a USC, o traballo arrincou cunha relectura crítica do corpus pottérico, a revisión bibliográfica e o baleirado de medios de comunicación. “Isto serviume para compoñer unha análise textual e discursiva que pon en relación fragmentos da realidade despezados para construír un relato”, explica a profesora Veiga.
A segunda póla metodolóxica da tese achégase ao que JK Rowling denomina as TERF Wars ou Guerras TERF (Trans-Exclusionary Radical Feminist) nun post na súa páxina persoal en xuño de 2020. Ademais, a investigadora realizou visitas, observación participante e recollida de datos nos lugares e nas actividades do fandom ou comunidade seareira de Harry Potter.
A esencia da investigación estrutúrase en tres grandes bloques: Cara ao folclore do terceiro milenio, Hermione no camiño de quita e pon, e JK Rowling e a rebelión do fandom. O primeiro arranca no expreso de Hogwarts, o tren no que viaxan as crianzas meigas ata o castelo nun lugar secreto e agochado das Terras Altas de Escocia no que funciona dende o século X a escola Hogwarts de maxia e feiticería. Neste apartado a tese aborda a “materia pottérica a través dos seus antecedentes nas literaturas populares e librescas e, ao mesmo tempo, aproximámonos a Harry Potter como un produto cultural do seu tempo, os anos noventa do século XX no Reino Unido: en definitiva, un nativo da microxeración xennial, a medio camiño entre a cultura de masas que nos legou o escenario post Segunda Guerra Mundial no mundo occidental e desenvolvido grazas á irrupción da Internet de uso doméstico e á cibercultura cando despediamos o século XX”, relata Marta Veiga.
A continuación desprégase a narrativa transmedia de Harry Potter. Neste apartado é fundamental canto e como interveñen a acción corporativa (os libros, as películas, a web, o merchandising, os parques temáticos), a acción dos fans (moitas das veces a través do performativo: como o cosplay, a gamificación de programacións escolares ou a creación de equipos de quidditch ou bandas de rock pottéricas) e as zonas grises (bens de consumo ou obxectos culturais, con intención de lucro, pero non postos en circulación pola urda corporativa, senón por outros actores).
A segunda parte, Hermione no camiño de quita e pon, é un percorrido polas traducións, apócrifos, tributos, adaptacións, pastiches e intertexualidades de Harry Potter “que procuro aproximar á literatura galega, pola vía da tradición oral, dos mecanismos da literatura de cordel, e tamén pola do canon”, sinala a investigadora, engadindo que “tento descubrir o que sucede coa literatura fantástica nos seus sistemas culturais máis achegados e, sobre todo, a súa posición no canon da literatura galega, “onde nin os motivos do ciclo artúrico nin o marabilloso ocupan un lugar residual ou marxinal”. Serve este capítulo, igualmente, para abordar como se constrúe o canon dos fans, o fanon.
Finalmente, JK Rowling e a rebelión do fandom constata como unha parte do fandom de Harry Potter “eríxese en contrapúblico e produce un tipo de contradiscurso” . Esta parte da comunidade seareira de Harry Potter que se entrega con máis dedicación a conformar un contradiscurso e unha hexemonía alternativa a través das súas creacións fanfiction está integrada moi maioritariamente por mulleres e/ou disidentes sexuais “e denominámola fandom transformativo en oposición a outro fandom que recibe o nome de afirmativo, máis heterotípico, que participa con entusiasmo das propostas da urda corporativa”. Segundo afirma a investigadora, o fandom transformativo non só opera á marxe da acción empresarial, senón que as máis das veces promove boicots e faino á contra, a carón de diversos ciberactivismos.
A tese foi dirixida por Elena Freire Paz, profesora da área de Antropoloxía da USC, e Pedro Tomé Martín, investigador científico do Instituto de Lengua, Literatura y Antropología (ILLA) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O traballo con mención internacional contou con estadías no Centro de Estudos Galegos en Gales e na Bangor University. O tribunal estivo composto estivo composto por Lorenzo Mariano Juárez (presidente), catedrático de Antropoloxía da Universidad de Extremadura; Sharon Roseman (vogal), catedrática de Antropoloxía da Memorial University of Newfounland and Labrador, en Canadá; e Cibrán Tenreiro Uzal (secretario), profesor do departamento de Ciencias da Comunicación da USC.
O acto de lectura da tese desenvolveuse en Humanidades, no Campus de Lugo.