A negativa a incluír un modo Sandbox en League of Legends enfurece aos xogadores

xoves, 6 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos o xogo League of Legends converteuse en todo un fenómeno global, con millóns de usuarios en todo o mundo e cun posto consolidado como un dos deportes electrónicos máis practicados, pero tras 6 anos de vida continúa a ter un par de carencias que xa se facía notar o primeiro día, e que a compañía vén de confirmar nunha entrada dun blog que non están nos seus plans a curto prazo, o que está a provocar unha resposta bastante airada dos seus seareiros, que consideran as desculpas inaceptables.
Os elementos da discordia non son precisamente sen importancia, sendo o primeiro deles a ausencia dun sistema de repeticións oficial, algo do que si contan xogos semellantes moi anteriores, e que aseguran que non son quen de activar actualmente por motivos técnicos (carga de servidores, retrocompatibilidade, estabilidade de rede...) o que resulta moi difícil de crer, dando a impresión de que simplemente é unha función que rematará existindo, pero que actualmente está descoidada.
Pero o motivo da furia xeral é que aseguran que non van contar cun modo Sandbox, que sería un modo no que poder practicar no xogo sen realmente formar parte de partidas en liña, por considerar que o mellor xeito de practicar en League of Legends é xogando a League of Legends, criterio que non comparten os xogadores que consideran que acadar un bo nivel de xogo tras 6 anos resulta moi complicado, polo que piden con forza que Riot Games ofreza algún xeito de poder practicar nun contorno controlado para un xogador. Nos distintos foros o debate sobre o tema acada elevadas temperaturas, principalmente polas formas de Riot, xa que as explicacións da compañías equivalen a dicir que “o único xeito de practicar tiros libres é xogar un partido completo de baloncesto”, resposta que claramente non se esperan despois de tantos anos gozando dun xogo (de xeito que tiveron tempo de sobra para desenvolver unha prestación demandada dende hai moito). Queda agora por ver se este xeito de tratar á comunidade de xogadores afectará á súa popularidade, pois non podes esquecer que xa hai outros xogos como Dota 2 e Heroes of the Storm que están a conseguir comerlle terreo, e certas actitudes poden contribuír seriamente a que isto continúe así.

PUBLICIDADE