A nosa terra xa conta con 113 bibliotecas públicas traballando en rede

martes, 24 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse no CGAC a Memoria de actividades de Cultura da Xunta de Galicia 2017. A publicación foi dada a coñecer polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen salientou “os incrementos no número de usuarios e melloras nos hábitos culturais no eido das bibliotecas e os museos”. Nun plano máis concreto, sinalou que os 13 centros museísticos xestionados pola Consellería incrementaron en máis dun 12 % o número de visitantes, pasando de 309.644 visitantes en 2016 a 347.510 visitantes en 2017, e destacou a boa saúde da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, os usuarios inscritos na Rede pasaron de 853.876, no 2015, a 918.859 no 2016. No plano dixital, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o labor imprescincíbel dos traballos realizados a prol da conservación e a dixitalización do patrimonio bibliográfico e documental galego e a prol da modernización das nosas bibliotecas.
Deste xeito, puxo o foco na posta en marcha (en 2017, coa colaboración da axencia AMTEGA), de Galiciana, Patrimonio Dixital de Galicia, o portal de difusión dos recursos patrimoniais da cultura galega, que se nutre de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia e de Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Ademais, o secretario xeral destacou “as iniciativas impulsadas para dinamizar o libro e a lectura, xunto coas melloras nos servizos bibliotecarios”. Segundo lembrou, trala creación do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, no 2017 incorporáronse a el “as primeiras 70 bibliotecas públicas de titularidade municipal, polo que temos agora 113 bibliotecas públicas traballando en rede, que permiten estender o mesmo servizo bibliotecario de calidade aos usuarios de 51 concellos de Galicia a través do carné único e unificar nun só catálogo en liña os seus recursos”, explicou.
O texto completo da Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2017 está accesíbel en liña para a súa descarga en https://www.cultura.gal/gl/memorias-informes.

PUBLICIDADE