A nosa tradición cerámica e a impresión en 3D, eixes dun novo obradoiro de Alg-a Lab

martes, 21 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

O espazo de creación Alg-a Lab (Valadares, Vigo) vai acoller este sábado unha “exposición-obradoiro” que xunta dous mundos sobre o papel afastados pero na práctica potencialmente ricos en interactuación: a cerámica e a impresión 3D. Máis polo miúdo, trátase dunha actividade para amosar e expoñer a tradición cerámica e oleira da parroquia de Bamio (Vilagarcía) a través de documentos históricos e arqueolóxicos e das propias testemuñas orais do lugar. A outra “metade” desta actividade será a reflexión arredor das destrezas humanas e as novas tecnoloxías, coa impresión en 3D “ocupando un lugar destacado na sesión”, informan dende Alg-a Lab.
A orixe desta acción está no traballo conxunto despregado pola Asociación de Mulleres Rurais de Bamio xunto con Beatriz Comendador, investigadora e profesora da Universidade de Vigo. Este labor colaborativo materialízase no proxecto Louceiros de Bamio, que procura atender á memoria oral compartida da parroquia de Bamio (e do barrio do Campanario ou Os Louceiros), adicada á olería. Segundo informan dende Alg-a Lab, “a finais dos anos 40, os derradeiros louceiros de Bamio abandonaron o traballo do barro e na actualidade non se conserva ningún forno adicado á fabricación de louza e a tradición perdeuse”.
Na “investigación híbrida” do proxecto Louceiros de Bamio participan investigadores e veciñas da zona, e agora súmanse ás súas fileiras os membros de Alg-a Lab, fornecendo a súa experiencia en creación independente, revolución dixital e coñecementos arredor do cambio de paradigma que esta revolución achega (por exemplo o efecto das impresións en 3D).
A xornada comezará cunha conversa con representantes da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio e Beatriz Comendador, quen explicarán as memorias agochadas a través desta forma artesanal de facer a louza, así como o traballo que están impulsando de cara a recuperar a memoria da parroquia e a súa contorna. Dende a mañá estará instalada no Alg-a Lab unha exposición sobre o proxecto Louceiros de Bamio.
Posteriormente seguirá unha intervención de Samuel Otero, residente do dito laboratorio de creación, quen abordará a hibridación na técnica escultórica; o artesán e as novas técnicas de 3D, seguido dunha conversa con Eloi Mancebo, impulsor de Feitura, quen falará sobre os usos que dá a impresión 3D para mellorar a creación de pezas. A sesión contará cunha exposición efémera de traballos.
Esta sesión enmarcase dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Comúns e Feminismos, que é un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación Histagra, os sete grupos pertencentes a rede Revolta e o colectivo Montenoso, e unha ampla rede de colaboradores, e conta con financiamento da Fundación Daniel & Nina Carasso.

PUBLICIDADE