A nosa vindeira comunidade científico-tecnolóxica xúntase esta semana en Santiago

luns, 16 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Este 20 de abril, sexta feira, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago) vai acoller unha feira educativa centrada no ámbito da divulgación científico-tecnolóxica, ou sexa, en todos os recursos que os docentes e as familias poden aplicar para as nenas e os nenos atopen a investigadora ou a desenvolvedora que todas/os levan dentro. Estamos a falar da feira STEMlab Galicia que, segundo apuntan os seus organizadores, será o meirande evento educativo da nosa terra para centros educativos.
Na cita, entre outras cousas, amosarase o labor divulgador e “fomenta-vocacións” dunha manchea de centros galegos, todos eles co nexo común de traballar a prol da ciencia, a enxeñaría, as tecnoloxías e as matemáticas, pero sobre todo a prol de lembrarlle a toda a rapazada da nosa terra o seu inmenso potencial STEM (polas súas siglas en inglés Science, Technology, Engineering and Mathematic).
A feira insírese na estratexia Edudixital 2020 da Consellería de Cultura e Educación. Esta estratexia diríxese á formación no pensamento computacional, o desenvolvemento de competencias STEM e a resolución de problemas desde a perspectiva maker (xuntando coñecemento técnico, creatividade e innovación). En termos máis concretos, o que se busca a través deste programa é conseguir que todo o noso alumnado teña formación en ámbitos como a robótica ou a programación. De aí que ao seu abeiro se puxeran en marcha materias de libre configuración autonómica ligadas ao eido STEM, clubs de ciencia, campamentos ou (a maiores) a feira deste 20 de abril. En breve impulsaranse tamén espazos Maker ou o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e tecnoloxía.

PUBLICIDADE