A nova Lei de Cooperativas de Galicia apostará pola dixitalización

luns, 22 de setembro do 2025 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace para avanzar no anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, «que promoverá a creación de cooperativas en novos sectores estratéxicos e permitirá simplificar os trámites destas entidades».
Rueda subliñou a necesidade de actualizar a normativa vixente, con case 30 anos de antigüidade, «á realidade legal, social e económica da actualidade». Pola súa parte, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, indicou: «Queremos ofrecer menos trabas e máis apoio ás cooperativas para que sigan sendo un motor da nosa economía».
Segundo explicou González, a futura lei —que será remitida ao Parlamento nos vindeiros meses— «busca fortalecer e modernizar este modelo empresarial». Con ese obxectivo, pon o foco na capacidade desta fórmula para impulsar novas iniciativas en ámbitos clave como os servizos sociais, a enerxía ou a vivenda, ofrecendo maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras. Ao tempo, recolle medidas de simplificación administrativa e de reforzo da dixitalización e profesionalización do sector, co fin de favorecer tanto a creación e posta en marcha de novas cooperativas como a consolidación das xa existentes, reforzando a súa presenza no conxunto do territorio galego.
A simplificación dos trámites será un dos piares da norma. Prevese un réxime administrativo máis flexible, cun maior protagonismo da web corporativa e unha comunicación máis áxil cos socios a través de medios electrónicos. Tamén se amplían os usos do fondo de educación e promoción —o 5 % do beneficio— a fins como igualdade, conciliación, incorporación da mocidade e relevo xeracional, converténdoo nun instrumento de modernización e sustentabilidade das cooperativas.
Así mesmo, a lei fomentará a dixitalización do Rexistro de Cooperativas para que os trámites e a obtención de documentos poidan realizarse de forma automática, mellorando a información e a transparencia e facilitando a elaboración de estudos estatísticos. Tamén se garante unha comunicación telemática máis rápida cos socios, preservando en todo momento a seguridade xurídica.
Segundo destacou o conselleiro, esta iniciativa demostra que «Galicia aposta polo cooperativismo que é apostar polo futuro e un modelo empresarial que sitúa no centro ás persoas». González defendeu estas entidades como «un modelo moderno, flexible e arraigado ao territorio».