A nova Lei de igualdade protexerá ás mulleres fronte a contidos sexistas no medio dixital
venres, 26 de maio do 2023
A conselleira de
Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na clausura do V
Congreso Márketing Dixital FLÚOR, que organizou o Clúster da Comunicación de
Galicia en Pontevedra, e que reuniu durante dous días a decenas de profesionais
e expertos para ofrecer novas ideas e perspectivas sobre a publicidade dixital,
social media ou igualdade no márketing, asegurou que a futura Lei autonómica dedicará
un capítulo enteiro á igualdade de xénero e á dixitalización para dar resposta
aos avances e á transformación tecnolóxica que está a vivir o mercado de
traballo.
O anteproxecto da
Lei reforza
a protección das mulleres fronte aos contidos sexistas difundidos a través das TIC
que supoñan intromisións ilexítimas no dereito fundamental á intimidade persoal
ou familiar ou á propia imaxe das mulleres.
Lorenzana, así
mesmo, salientou que outra das iniciativas da Consellería, a Rede de polos de
emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por toda a xeografía
galega, ofrece diferentes servizos de asesoramento a todo tipo de
emprendedores, como é para a posta en marcha dos plans de márketing, en
palabras da conselleira, moi necesarios para que os proxectos e os produtos cheguen
á xente.
Para rematar, a
conselleira agradeceu a celebración do Congreso FLÚOR pola súa contribución a
estender, difundir e afianzar a nova cultura social empresarial que consolidará
neste ámbito “unha Galicia á vangarda”.