A nova PS5 dixital precisará de conexión á Rede para conectarlle un lector de discos
xoves, 26 de outubro do 2023
Continuamos á
espera dunha revisión
da PlayStation 5 que chegará ao mercado antes do remato do ano, pero a súa
chegada ás tendas estadounidenses é inminente, polo que xa temos filtracións de
detalles como que na caixa da consola especifícase que se mercamos a versión da
nova PS5 sen lector de disco e queremos engadirllo, precisamos ter
a consola conectada á Internet para poder emparellarlle a unidade lectora.
A medida indicada por Sony semella simplemente unha protección para evitar a
piratería de xogos, pois non podemos esquecer que cos primeiros modelos da Xbox
360 chegaba con modificar o firmware do lector de DVD da consola para facilitar
a carga de xogos copiados.
Precisar de conexión á Internet para mellorar o hardware da consola pode
resultar rechamante, pero temos que recoñecer que os videoxogos e a conexión á
Rede son cada vez elementos máis indisociables, e son moitos os xogos que non
funcionan sen conexión, precisamente para evitar a piratería, aínda que tampouco
podemos esquecer o feito de que moitos dos xogos actuais non funcionan ben sen
a instalación do parche que reciben no seu lanzamento, e incluso hai títulos
que no disco non inclúen o xogo completo, senón que boa parte dos ficheiros de
instalación teñen que descargarse da Internet (pois os xogos cada día son máis
grandes, e as distribuidoras prefiren evitar o custo adicional de discos de
máis capacidade ou a inclusión de varios discos dentro da caixa do xogo).
A nova PS5 o que parece deixar claro é que están a darse pasos cara un futuro
de consolas sen unidades de disco, o que suporá un duro golpe para as tendas
físicas, que cada día terán menos incentivos para vender consolas se os
consumidores logo non teñen que volver á tenda a mercar xogos, e simplemente
visitan as tendas de videoxogos para facerse con tarxetas de prepagamento e produtos de mercadotecnia.