A nova cámara de Ricoh aposta polo branco e negro

xoves, 15 de xaneiro do 2026 Redacción

Ricoh amplía a súa histórica liña GR cunha cámara dedicada en exclusiva á fotografía en branco e negro, a Ricoh GR IV Monochrome, un modelo compacto premium que incorpora un sensor específico para monocromo e que busca ofrecer a máxima fidelidade tonal e unha estética clásica reinterpretada para 2026.
A Ricoh GR IV Monochrome elimina o filtro de cor habitual nos sensores CMOS e prescinde da interpolación necesaria para xerar imaxes en cor. Cada píxel capta directamente a información de luminosidade, o que permite unha definición máis nítida, unha gradación tonal máis rica e a posibilidade de acentuar o gran en sensibilidades altas, un efecto moi apreciado polos amantes da fotografía analóxica.
O novo modelo integra tamén un filtro vermello activable cun só toque, pensado para intensificar contrastes dramáticos (como ceos escuros e nubes máis definidas) ou para realzar elementos vermellos na escena.
O lanzamento coincide co 30º aniversario da serie GR, nacida en 1996 coa GR1 analóxica. Ricoh destaca que este novo modelo mantén os principios que fixeron célebre a liña (calidade de imaxe, rapidez e portabilidade) ao tempo que ofrece unha experiencia máis especializada para quen busca profundar na expresión monocroma.
A cámara presenta un corpo de aliaxe de magnesio acabado en negro mate, incluíndo botóns e aneis, cun deseño pensado para transmitir a esencia da fotografía en branco e negro. Mesmo a iluminación do botón de acendido pasa a ser branca para reforzar esa identidade visual.

Prestacións e dispoñibilidade

A GR IV Monochrome incorpora un sensor CMOS APS-C de 25,74 Mpíxeles, estabilización de imaxe por desprazamento do sensor, obturador electrónico de ata 1/16000 s e un obxectivo equivalente a 28 mm f/2.8. Ofrece ademais opcións de control de imaxe específicas para monocromo, como os perfís Solid ou Grainy, pensados para acadar desde un acabado limpo ata un aspecto máis próximo ao das impresións químicas tradicionais.
A nova cámara estará dispoñible nos EE.UU. a mediados de febreiro cun prezo recomendado de 2.199,95 dólares (prezo bastante superior aos 1.499,95 dólares da Ricoh GR IV con sensor a cor), estando por confirmar o prezo e a data na que o produto chegará a Europa.

Vídeo de presentación da nova cámara monocromo de Ricoh