A nova cámara dixital de Olympus atura golpes, frío e profundidades mariñas

venres, 20 de abril do 2007 Raquel Noya

Nos tempos que corren xa non é doado atopar unha cámara dixital que nos sorprenda. Cada vez saen ó mercado con máis millóns de píxeles e con obxectivos intercambiables que quitan o alento, por non falar das funcións de autofoco de precisión, de eliminación de ollos vermellos, de zoom óptico de gran capacidade, ou até da capacidade dalgunhas para facer que os fotografados saian máis guapos do que son, eliminando certos defectos que lle afean o careto.
Pois ben, Olympus, rompendo estas expectativas, vén de sorprendernos ó sacar ó mercado a Stylus 770 SW, unha cámara dixital que se distingue por ser a máis robusta e resistente da serie. Ademais dos 7,1 megapíxeles que concentra no seu corpo de reducidas dimensións, esta trebello está deseñado para resistir temperaturas de 10 graos baixo cero e, o que nos resulta máis interesante de entre tódalas características (sobre todo agora que o verán está por dobrar a esquina), atura profundidades de até 10 metros en mar aberto, unha función moi útil para todo aquel que queira facer inmortais os pandeiros dos familiares e amigos mentres se dan un baño nas praias das nosas costas (tendo conta de non sacalos mentres, alleos ó obxectivo, fan o que todos facemos nada máis entrar na auga... quitar o traxe de baño).
Segundo a casa fabricante, a nova Stylus é moi doada de empregar e, posto que tamén soporta caídas dende unha altura de metro e medio, é a cámara ideal para os sobriños “esnaquiza-trebellos” que van marchar de excursión nas vindeiras vacacións.

PUBLICIDADE