A nova carga rápida de Qualcomm para smartphones permite 5 horas de uso con 5 minutos de carga

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Qualcomm Technologies presentou hoxe a súa nova tecnoloxía de carga rápida, Qualcomm Quick Charge 4, que estará dispoñible cos novos procesadores Qualcomm Snapdragon 835 (que chegará en produtos comerciais na primeira metade de 2017) e que supón un importante paso adiante na implementación da carga rápida, de xeito que para un usuario medio podería supor o achegar autonomía para 5 horas de uso con só 5 minutos de carga (cálculo estimado para unha batería de 2.750 mAh que completaría o 50% da súa capacidade no tempo indicado). Este novo sistema de carga sería un 20% máis rápido que a súa xeración anterior e un 30% máis eficiente, á vez que tamén contaría con soporte para USB-C e USB-PD, o que facilita que se converta nun dos sistemas máis elixidos polos fabricantes de teléfonos.
Aínda que os usuarios demandan baterías de cada vez máis capacidade, para non estar pendente sempre de cargar os seus dispositivos móbiles, o feito de que integren solucións de carga rápida mitigan o problema, xa que evitan que haxa que ter os dispositivos máis dunha hora ancorados a un punto fixo para a súa carga, permitindo aproveitar pequenas pausas para garantir que autonomía dabondo para completar a xornada.
Dende Qualcomm insisten en que a tecnoloxía Quick Charge 4 incorpora medidas de seguridade avanzada tanto no adaptador como no dispositivo móbil, evitando así problemas de voltaxe e temperatura, buscando protexer a batería, o sistema, os cables e os conectores, á vez que tamén conta con medidas para evitar a sobrecarga.