A nova convocatoria do Kit Dixital inclúe por vez primeira ferramentas de IA

luns, 9 de decembro do 2024 S. P.

O Goberno central, a través da entidade pública Red.es, presentou este luns 9 de decembro unha nova convocatoria do programa Kit Dixital dirixida a medianas empresas de entre 50 ata 250 empregados na Cámara de España. Segundo fixo saber o Executivo, por primeira vez o catálogo de solucións tecnolóxicas que poderán adquirir as empresas con estas axudas incorpora ferramentas de Intelixencia Artificial.
Na inauguración do evento de presentación, o presidente da Cámara de Comercio de España, José Luis Bonet, recalcou a importancia da colaboración público-privada na dixitalización da economía, “contribuír á dixitalización das pequenas e medianas empresas é a mellor achega que podemos facer para a transformación das pemes, e con iso á modernización do país e a transición a unha economía baseada no coñecemento e a sustentabilidade. Se conseguimos transformar ás pemes, cambiariamos ao país”.
“O éxito do Kit Dixital demostra que Red.es converteuse nunha panca dixital indispensábel. Unha empresa pública que ofrece solucións reais porque coñece de primeira man as necesidades cotiás dos negocios aos que se dirixe”, explicou o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, na presentación da nova convocatoria na Cámara de Comercio.
Pola súa banda, o director xeneral de Red.es, Jesús Herrero, foi o encargado de explicar todas as novidades da nova convocatoria de Kit Dixital. Ademais, de contar en detalle as contías, os segmentos e as novas solucións que as medianas empresas poderán solicitar, destacou que “esta nova convocatoria é a quinta que se publica dun programa que xa cumpre tres anos, un programa que conseguiu chegar ao 100% do territorio e que foi evolucionando para ir cubrindo necesidades que fomos detectando”.
María González-Veracruz, secretaria de estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, quixo “reivindicar o éxito e a eficiencia sen precedentes que está a supoñer o Kit Dixital e todo o bo que vai traer este novo segmento para medianas empresas”.
A contía das axudas, o bono dixital, para esta convocatoria será de 25.000€ para aquelas empresas de entre 50 e menos de 100 empregados e de 29.000€ para as empresas cuxo número de empregados sexa de entre 100 e menos de 250 empregados.
As empresas poderán acceder a un catálogo de 14 solucións que se actualizou e adaptado ás necesidades do seu tamaño. Por primeira vez, incorpóranse tecnoloxías de Intelixencia Artificial. O catálogo está dispoñíbel na web de Acelera Peme e componse das seguintes categorías: Comercio electrónico; Xestión de redes sociais; Xestión de clientes, business intelligence e Analítica; Xestión de Procesos; Xestión da facturación e factura electrónica; Servizos e ferramentas de oficina virtual; Comunicacións seguras; Ciberseguridade; Presenza avanzada na Internet; Servizo de ciberseguridade xestionada; Xestión de clientes con IA asociada; Business intelligence e analítica e IA asociada; e Xestión de procesos con IA asociada.
A partir do 12 de decembro de 2024 ás 11 horas, as medianas empresas de entre 50 e menos de 250 empregados poderán solicitar a axuda do programa Kit Dixital a través da sede electrónica de Red.es. O prazo de solicitude estará aberto ata o 30 de xuño de 2025.