A nova edición de Enregueifate.gal xuntou 70 vídeos

xoves, 19 de abril do 2018 Redacción

Xa temos cifras sobre a participación ao abeiro do certame Enreguéifate 2018, impulsado polos Concellos de Santiago, Ames, Carballo e Teo co fin de reivindicar na Rede (a través das redes sociais e da páxina www.enregueifate.gal) a regueifa e as súas importantes posibilidades de expresión, comunicación e interactividade. Unha vez rematado o prazo para participar na nova edición da iniciativa, foron máis de 70 os vídeos recibidos entre a categoría xeral e a escolar. Segundo informa o Concello compostelán, esta última modalidade foi a máis concorrida, con regueifeiros/as de múltiples centros educativos de todo o país.
O veredicto darase a coñecer o vindeiro 23 de abril a través da web e do Facebook de Enreguéifate, se ben a entrega de premios terá lugar o 2 de maio no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co encontro Regueifesta de improvisación oral en verso, para o que está aberto (estes días) o prazo de inscrición. Trátase, para que non o saiba, dunha xuntanza para escolares arredor da improvisación oral en verso ao que tamén pode sumarse calquera persoa interesada.
Nesta cita intervirán rapazas e rapaces da nova xeración galega do repentismo, así como alumnado de Euskadi e de Catalunya, que improvisarán ao xeito do bertsolarismo e da glosa. Dinamizarán o acto os/as regueifeiro/as Alba María, Josinho da Teixeira, Lupe Blanco, Séchu Sende e Manolo Maseda; amais de diversas actuacións musicais.

PUBLICIDADE