A nova edición do Terra Creative Jam fomentará a innovación sustentable do rural
venres, 3 de outubro do 2025
O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela convértese nos días 18 e 19 de outubro de 2025 no epicentro, un ano máis, dunha iniciativa pioneira: o Terra Creative Jam – Conecta o Rural. Este evento creativo e marcadamente tecnolóxico ten como propósito “fomentar a implicación da comunidade universitaria e mocidade coas zonas rurais, aproveitando ideas innovadoras que poidan contribuír ao seu desenvolvemento sustentable”. A inscrición permanece aberta ata as 14.00 horas do 17 de outubro a través do web do certame.
Organizado polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) en colaboración coa Lug Open Factory e a Xunta de Galicia, Terra Creative Jam ofrece en palabras das entidades organizadoras “un espazo de encontro para que estudantes e persoas egresadas da USC, emprendedores, profesionais e cidadanía en xeral poidan presentar solucións, resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, establecer redes e dinamizar proxectos con impacto no rural galego”.
O evento, que terá lugar na Facultade de Administración de Empresas do Campus Terra de Lugo, tamén se dirixe a estimular ideas e iniciativas que favorezan a vitalidade dos territorios rurais; unir a mocidade e ás comunidades rurais, promovendo o intercambio de visións e proxectos; facilitar redes de colaboración entre institucións universitarias, administracións locais e actores do tecido empresarial e social; e dar visibilidade ao potencial do rural como escenario de innovación, emerxencia profesional e compromiso con valores ambientais e sociais.
Durante os dous días do encontro, os participantes (sós ou en equipo) poderán desfrutar dunha primeira xornada de ideación con dinámicas de innovación e xeración de ideas e proxectos sostibles, formación con obradoiros específicos, prototipaxe con maquinas 3D, Realidade Virtual e IA (Intelixencia Artificial), taller maker e actividades deportivas e lúdicas con scape room ou escalada. A segunda xornada consistirá nun hackaton ou jam onde por equipos traballarán en idear e prototipar solucións que respondan aos desafíos do rural en ámbitos como mobilidade, tecnoloxía, medio ambiente, xestión de recursos, economía local, infraestruturas ou conectividade dixital.
As propostas gañadoras terán a oportunidade de recibir apoio institucional, visibilidade e canles de identificación con posible financiamento ou incubación en programas de emprendemento da USC. Ademais, os equipos gañadores, recibirán premios para os seus proxectos.
