A nova mercadotecnia, as redes sociais e a impresión 3D centran os novos obradoiros de SmartPeme+

luns, 8 de setembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (con inscrición previa), celebraranse dende este luns 8 ao xoves 11 de setembro e afondarán en cuestións como a mercadotecnia social, as redes sociais ou a impresión 3D, entre outras temáticas de interese para persoas autónomas e/ou emprendedoras e pequenas e medianas empresas da provincia.
Este luns 8 de setembro celebrarase o obradoiro Fotografía e vídeo para redes sociais, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Cambados. As persoas participantes dominarán a creación de contido profesional co seu teléfono intelixente, sacando o máximo partido á cámara con ferramentas de formato, enmarcado, iluminación e edición. Ademais, tamén descubrirán como gravar vídeos atractivos, desde a planificación e a narración ata a edición, a voz en off e a creación de bobinas. A sesión será impartida por Lara Taboada, licenciada en Estudos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
O martes 9 de setembro ás 12 horas celebrarase o obradoiro Deseño 3D online con OnShape 3, Profundizando no deseño, coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión abordará como extraer formas de imaxes ou debuxos, perforar buratos con precisión e dar un acabado profesional ás pezas 3D con OnShape. Será impartida por Manuel Tornos, asesor do Centro para o Desenvolvemento da Impresión 3D na propia oficina, con máis de 30 anos de experiencia en novas tecnoloxías e transformación dixital. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O mércores 10 de setembro tamén ás 12 horas a oficina de Pontevedra desenvolverá o obradoiro Márketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona e cunha ampla experiencia na comunicación e na mercadotecnia dixital, presentará as principais estratexias en liña e as ferramentas e as canles máis axeitadas para as entidades do terceiro sector na contorna dixital, atendendo aos seus obxectivos e necesidades. As persoas interesadas poden inscribirse xa no formulario específico do obadoiro.
Por último, o xoves 11 de setembro realizarase o taller Estratexias para mellorar as reservas directas do teu aloxamento ás 11.30 horas organizado pola oficina de Ponteareas, no que Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, aportará consellos prácticos para conseguir unha maior rendibilidade. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.