A nova programación dos Centros Cívicos da Coruña inclúe obradoiros tecnolóxicos e de memoria

mércores, 28 de agosto do 2024 S. P.

Xa pode consultarse na web do Concello da Coruña a nova programación de actividades socioculturais que se levará a cabo na rede de Centros Cívicos Municipais entre os meses de setembro e decembro. Entre as propostas incluídas na oferta do vindeiro cuatrimestre hai obradoiros de memoria, tamén talleres de aprendizaxe no uso de dispositivos móbiles, actividades orientadas ao exercicio físico, como pilates e ximnasia, e tamén iniciativas artísticas e culturais como traballos manuais, debuxo e pintura. Ademais, haberá sesións de conversación en lingua inglesa.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, fixo fincapé na importancia deste programa de ocio “que, ademais de promover o desenvolvemento cognitivo e sensorial das persoas participantes, tamén é unha boa ferramenta para tecer relacións sociais entre as veciñas e veciños, con independencia da súa idade, dúas liñas de traballo coas que o Goberno de Inés Rey está firmemente comprometido”.
Destacou que haberá actividades socioculturais para os máis pequenos -ata 12 anos-, tamén para o treito de idade de 13 a 17 anos, outras iniciativas de carácter interxeracional -de 18 anos en diante- e máis propostas ideadas para o público en idade avanzada, as persoas de máis de 65 anos.
A preinscrición para as actividades e os clubs se realizarán os días 2, 3 e 4 de setembro, cubrindo o formulario dispoñíbel na páxina web do Concello. Soamente aquelas persoas que non teñan acceso a Internet poderán realizala por vía telefónica, chamando ao número 881 152 161 en horario de 10.00 a 14:00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de tres actividades e tres clubs por centro cívico segundo a orde de preferencia. Nos clubs continuarán as mesmas persoas da convocatoria de xaneiro-maio e soamente se ofertarán as prazas vacantes.