A nova webcam de Elgato permite o uso de filtros no obxectivo

martes, 29 de xullo do 2025 Redacción

Elgato pon á venda a súa nova cámara web de gama alta, a Facecam 4K, que leva o vídeo 4K a 60 fotogramas por segundo ao grande público, con tecnoloxía inspirada nas cámaras DSLR profesionais, grande calidade de imaxe, versatilidade e un prezo de 199,99 euros.
A nova cámara web incorpora un sensor Sony Starvis 2 de 1/1.8 polgadas, un procesador de imaxe de última xeración e unha lente Prime con ángulo de visión de 90 graos, enfocada para manter a nitidez ata 1,2 metros. A gravación realízase sen compresión cando se conecta mediante USB 3.0 (ata 2160p30), o que garante unha imaxe detallada e con baixa latencia. O conxunto permite reproducir vídeo cun realismo excepcional, mesmo en pantallas grandes ou con zoom aplicado.
A través da aplicación Camera Hub, os usuarios poden axustar parámetros como ISO, velocidade de obturación ou aplicar efectos cinematográficos con LUT. Ademais, os usuarios con tarxetas nVIDIA RTX poden aplicar desenfoque de fondo realista, imitando o efecto de profundidade das cámaras DSLR. A ferramenta tamén inclúe control PTZ dixital, redución avanzada de ruído e soporte HDR, convertendo a cámara nunha opción completa para creadores de contido, streamers ou profesionais que buscan unha imaxe de alto nivel.
Unha das grandes novidades de Facecam 4K é o seu soporte para filtros para obxectivos de 49 mm (os mesmos que se empregan en fotografía e vídeo). Isto permite aplicar efectos de distinto tipo, sendo a primeira webcam tal capacidade. Como oferta de lanzamento Elgato ofrece de balde un filtro CPL (que permite reducir os reflexos en superficies como o vidro, o que resulta moi práctico para usuarios que empreguen lentes graduadas) con cada pedido realizado a través da súa tenda en liña. 

Vídeo no que dan conta das prestacións da nova webcam de Elgato