A nova xira @asLAN chega en setembro a Santiago da man do COETG

mércores, 30 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

Imaxe do Tour Tecnolóxico ASLAN celebrado na Coruña en 2010A nova edición da xira Tour Tecnolóxico @asLAN, que organiza a asociación do mesmo nome por unha manchea de localidades estatais, terá novamente unha parada galega. Será en Santiago, o 21 de setembro no Hotel Araguaney, baixo o epígrafe Transformación dixital, Todo Conectado e contando coa colaboración (un ano máis) do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). A xira pasará por diferentes cidades españolas como Valencia (28 de setembro), Barcelona (18 e 19 de outubro), Vitoria (7 de novembro) e Málaga (23 de novembro).
O encargado de abrir os relatorios da cita compostelá (logo da benvida oficial) será precisamente o decano do COETG, Julio Sánchez Agrelo. Farao ao fío das 9.00 horas na compaña de Francisco Verderas, director xerente da Asociación @asLAN. De contado, presentarán tecnoloxías avanzadas os responsábeis de empresas como Nutanix, Flytech, Schneider ou Dell.
Segundo reflicte o COETG, desenvolverase na xornada “un extenso programa no que se abordará o papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital” e ofrecerase “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñíbeis para construír plataformas dixitais aliñadas co negocio, tocando cuestións como a Internet das Cousas, a mobilidade ou a nube híbrida”.

PUBLICIDADE