A oferta de titulacións da UVigo recibirá no novo curso unha relevante incorporación: o Grao en Intelixencia Artificial

xoves, 23 de xuño do 2022 S. P.

A oferta de titulacións da Universidade de Vigo para o curso 2022/2023 vai medrar con dúas importantes novidades: Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial, as dúas localizadas no Campus de Ourense. Igualmente, póñense en marcha na UVigo catro novos mestrados, en Enxeñería Biomédica; en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia; en Intelixencia Artificial e en Desafíos das Cidades. En total, a UVigo ofertará nos seus campus de Ourense, Pontevedra e Vigo até 59 titulacións de grao e 65 de mestrado e un total de 5.383 prazas de novo acceso (3.626 de grao e 1.757 de mestrado).
Dado “o protagonismo do Campus de Ourense nesta ampliación”, a oferta de prazas da institución académica para o curso 2022/2023 foi presentada este martes 21 de xuño na cidade das Burgas, tendo como anfitrioa á Deputación de Ourense. No acto, o reitor Manuel Reigosa amosou a súa satisfacción pola posta en marcha das novas titulacións de grao nun campus que, indicou, “está a medrar dentro do Sistema Universitario Galego en gran parte polo pulo que están tendo moitas das novas titulacións que conseguimos que cheguen”.
Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade da UVigo, foi a encargada de explicar a oferta da institución académica para o vindeiro curso facendo especial fincapé nas novidades para o Campus de Ourense, do que subliñou que “cubre de sobra as prazas ofertadas” cada ano. As novidades, apuntou, son a posta en marcha en setembro do Grao en Intelixencia Artificial, que se impartirá na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, onde se ofertarán 50 prazas. “Trátase”, dixo, “dunha titulación interuniversitaria no Sistema Universitario de Galicia, de catro cursos (240 ECTS), na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo) e en terceiro e cuarto na Universidade de Vigo impartirase a orientación en Sistemas de Información Intelixentes”. O título de graduado/a en Intelixencia Artificial quere proporcionar “a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindíbel para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan relevante na sociedade actual a todos os niveis", tal e como recolle a memoria deste título.

PUBLICIDADE