A oferta docente da USC contará cun apoio de primeira orde: o dos enxeñeiros galegos en informática

mércores, 2 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Malia non ser exactamente nova, a colaboración entre a Universidade de Santiago e os enxeñeiros galegos en informática vén de asentar uns alicerces máis que firmes coa sinatura dun acordo marco dirixido a fomentar o uso e presenza da Rede na nosa terra. O convenio, presentado hoxe no Colexio de San Xerome en Compostela, constitúe en boa medida unha aposta pola lóxica: a promoción e afianzamento das novas canles de comunicación ten que ser, por forza, o obxectivo dos enxeñeiros e máis os enxeñeiros técnicos en informática. Con esta finalidade de traballar conxuntamente reuníronse no dito espazo Senén Barro (reitor da USC) e Fernando Suárez e Miguel Abad, presidentes dos Colexios Profesionais de Galicia de Enxeñería e Enxeñería Técnica en Informática. O seu obxectivo, máis polo miúdo, será múltiple e percorrerá diferentes ramificacións, todas elas saíndo dun mesmo tronco: o pulo ás novas ferramentas do coñecemento.
Así, a idea é mellorar na medida do posible a oferta docente da USC ligada ao tecnolóxico para contribuír, a medio e longo prazo, a unha sociedade dixital máis desenvolvida. Ao mesmo tempo, traballarase para fomentar o papel dos devanditos colexios no camiño dun maior recoñecemento social dos mesmos, o que só pode repercutir na mellora das propias comunicacións e o manexo que teñamos das mesmas.
Durante o acto de presentación do acordo fíxose fincapé no papel que xogará cada unha das partes e nas moitas vantaxes desta cooperación. Tanto Barro, como Suárez e Abad coincidiron no “longamente agardado” que resulta un convenio desta índole, nun principio abranguendo un período de catro anos, pero na práctica (e así o fixeron saber os implicados) moi suxeito a ampliacións. O achegamento, sinalaron, non podía xurdir dunhas condicións mellores: tanto a USC como os ditos Colexios están cen por cen de acordo na importancia das novas tecnoloxías da información na sociedade galega. “A partir de aí”, puntualizou Abad, “todo foi moi doado”. A idea principal, como dixemos, é beneficiar aos propios asinantes para mellorar a medio prazo a todo o noso país. Neste senso, para Fernando Suárez o acordo responde plenamente ás necesidades da sociedade moderna na que vivimos. É por así dicilo un dos moitos compromisos que teñen con ela os enxeñeiros.
Con todo, subliñou, a colaboración non é nova e xa comezou hai tempo, no xenérico colaborando na formación TIC e no específico en actividades como por exemplo a implantación dos estudos de titulación de grao na Universidade de Santiago. Polo que respecta a Senén Barro, abriu a súa intervención anunciando a estrea para este ano do curso de enxeñería informática como grao. E engadiu, facendo referencia ao que busca a USC reclamando a axuda e colaboración dos enxeñeiros: “A oferta docente da Universidade está sempre en desenvolvemento, e agora máis que nunca, por iso o que queremos é contar co apoio directo e a supervisión dos Colexios”. Precisamente, neste intre están a traballar de xeito conxunto o que será o máster en enxeñería informática.

PUBLICIDADE