A organización da primeira edición de Youtubeir@s entrega os seus premios

venres, 26 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Esta tarde vaise celebrar no Teatro Principal de Ourense a gala de entrega de premios do certame Youtubeir@s, unha iniciativa para encher a Internet de vídeos en galego, facendo especial fincapé no YouTube e no seu potencial de divulgación e de influencia. Durante o acto daranse a coñecer as pezas gañadoras desta edición nas súas diferentes modalidades. Youtubeir@s é un proxecto dos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. O acto de hoxe será aberto e de balde, até esgotamento de prazas. Como lembraremos, na súa primeira edición acubillou preto de 200 contribucións. Ou sexa, 200 maneiras de dicirlle ao mundo o porqué de achegar contidos dixitais en galego.
Como lembraremos, o certame acubillou dúas categorías, Vídeo-opinarmos e Vídeo-facermos, e nel puideron participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos de até cinco minutos de duración, sendo a cifra total de premios de 4.000 euros. A listaxe de audiovisuais resultante (www.youtube.com/youtubeiraseyoutubeiros) é un amplo, vizoso e variado abano de vídeos: dende receitas de cociña até consellos sobre como actuar para trunfar na disco; dende faladoiros sobre a praga da couza guatamalteca até reflexións sobre o amor na Rede; dende métodos a pór en práctica para falarmos coma os de Malpica até recomendacións para facermos a xogada perfecta no futbolín.
O xurado está composto por Manolo González, María Lado, Manuel Núñez Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa. Youtubeir@s, como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros en premios-
Os vídeos que se presentaron ao certame tiveron unha duración máxima de 5 minutos, estaban licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría) e foron producidos en galego e habilitados na rede social YouTube.
As dúas categorías foron Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e, igualmente, asignaranse catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

PUBLICIDADE