A pandemia adía medio ano o desenvolvemento de Final Fantasy XVI

luns, 27 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A serie Final Fantasy leva xa máis de 5 anos sen unha edición numerada, e estaba previsto que antes de rematar 2021 puidesen dar máis datos sobre Final Fantasy XVI, desenvolvemento exclusivo para PlayStation 5 do que finalmente non poderán adiantar nada, asegurando o produtor Naoki Yoshida que a COVID-19 púxolles as cousas difíciles e o desenvolvemento do xogo leva preto de medio ano de retraso.
Yoshida asegura que este traballo é froito da colaboración de varios estudios de todo o mundo, pero o feito de que a maioría dos seus empregados estea a traballar dende o seu domicilio dificulta a comunicación coa oficina de Tokio, o que provocou retrasos puntuais e incluso a cancelación de certos elementos do xogo.
Aínda que ao longo de 2021 conseguiron paliar a situación, agora están centrados en incrementar a calidade gráfica, mellorar as mecánicas de combate e o contido das batallas, ultimar as cinemáticas e centrar os gráficos en xeral, de xeito que non queren revelar máis información sobre este prometedor título ate a primavera de 2022, para desesperacións dos que queren saber detalles de Final Fantasy XVI dende que se anunciou en setembro de 2020.

PUBLICIDADE