A partir do 26 poderemos descargar os Bonos Activa Comercio, dotados con 2,5 millóns
luns, 15 de abril do 2024
O Goberno galego activa este mes a quinta edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros coa que se prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de “incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector”. Segundo informou a Xunta, os negocios que desexen participar nesta iniciativa poderán adherirse a partir deste 16 de abril, mentres que as persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 26 de abril na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñíbeis para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
A Xunta engadiu que “coma en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar”.