A patronal boirense colabora coa Xunta na difusión do seu programa Formación Dixital

venres, 24 de xaneiro do 2025 S. P.

A patronal boirense (ABE) estableceu este xoves 23 de xaneiro unha nova canle de colaboración coa Xunta de Galicia para trasladar ás empresas asociadas os contidos do programa de Formación Dixital da Xunta de Galicia que xa está en marcha e do que ademais dos socios da asociación boirense pode beneficiase toda a cidadanía.
A ABE como entidade colaboradora do proxecto realizou nunha primeira fase un labor informativo entre os seus asociados na que ademais de incluír a información personalizada realízase a inscrición no curso.
Nunha segunda fase que se iniciará a vindeira semana desenvolveranse as mesmas funcións pero para toda a cidadanía de Boiro en xeral que queira cursar esta formación da Xunta.
Na páxina web da asociación pode atoparse información detallada do programa e as ligazóns de acceso á plataforma de formación para ampliar información, descargar material, inscribirse a curso ou mesmo entrar directamente na aula virtual.
No caso das empresas asociadas, realízase a información e inscrición para a obtención da certificación ComDix, para a que é necesario presentarse ás probas de certificación específicas convocadas pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
Formación Dixital é un programa formativo enfocado a proporcionar á cidadanía as competencias necesarias para desenvolverse plenamente no mundo das novas tecnoloxías da información. Está acreditado pola Xunta de Galicia e é cen por cen de balde, online e asesorado. Está enfocado a toda a cidadanía. Achega recursos para mellorar o noso día a día e resolver situacións cotiás como os trámites coa Administración pública, crear e xestionar as nosas redes sociais, coñecer as principais ferramentas de ciberseguridade, a posibilidade de ampliar o teu mercado laboral… Tamén permite obter un diploma acreditativo da formación realizada emitido pola Xunta e acadar a preparación necesaria para optar á obtención do ComDix.