A patronal boirense encarga á tecnolóxica local Kracia a profesionalización das súas redes sociais
luns, 17 de marzo do 2025
A patronal de empresas Boiro, a ABE, puxo en marcha un ambicioso proxecto para mellorar a súa presenza en redes sociais, apostando pola profesionalización dos contidos e a creación de campañas máis estratéxicas e con meirande impacto. Esta iniciativa, que terá unha duración de seis meses, será desenvolvida pola axencia de comunicación Kracia, empresa asociada da ABE e especializada en mercadotecnia dixital e audiovisual.
A asociación lembra que na actualidade conta con miles de seareiras/os nas súas redes sociais e cunha actividade constante de publicacións. Con este novo proxecto, o obxectivo é dar “un salto cualitativo na creación de contidos, mellorando a calidade, o impacto e o alcance das publicacións para atraer novos clientes e dinamizar o comercio local”.
O plan de traballo inclúe tarefas como a optimización das contas de Instagram e Facebook, con actualizacións na biografía, incorporación de banners de contacto e mellora da estrutura das páxinas; a creación de contidos audiovisuais de calidade, adaptados ás tendencias actuais das redes sociais; a publicación mensual de oito vídeos, gravados e editados en formato profesional para maximizar o impacto e o engagement; a selección estratéxica dos negocios participantes en cada vídeo, en función do contido, campañas en marcha e actualidade do sector; e máis a análise e optimización continua do rendemento das publicacións, “para garantir que a estratexia cumpra os seus obxectivos”.
Unha das prioridades do ABE neste proxecto é asegurar que “as 208 empresas asociadas teñan presenza nos contidos audiovisuais”. Por iso, de maneira rotativa, todos os negocios asociados irán aparecendo nos vídeos ao longo dos seis meses. A axencia será a encargada de seleccionar a cada empresa en función do tipo de contido que se vaia a crear, sempre tendo en conta as campañas activas e a actualidade comercial.
Para a gravación dos vídeos, realizarase unha sesión unha vez ao mes, na que se crearán os oito vídeos correspondentes ás publicacións dese período.
Desde a directiva do ABE destacan a importancia desta iniciativa como “unha ferramenta clave para o crecemento do comercio local”, como indicou o presidente, Daniel García, que engadiu que "sabemos que hoxe en día as redes sociais son unha ferramenta fundamental para chegar aos clientes, pero tamén somos conscientes de que é necesario ofrecer contidos atractivos e profesionais. Con este proxecto, queremos axudar aos nosos asociados a destacar nun mercado cada vez máis dixitalizado",
Esta iniciativa reforza a aposta do ABE pola innovación e o apoio ao comercio de proximidade, utilizando estratexias modernas para conectar aos negocios locais coa súa clientela e aumentar o seu impacto.