A patronal de Ribeira acolle os días 18 e 20 de setembro unha xornada sobre mercadotecnia dixital con Javier Rocamora
xoves, 14 de setembro do 2023
A Asociación de Empresarios de Ribeira vai
organizar este mes de setembro unha xornada de gran interese para as
empresas locais, xa que o obxectivo da mesma é compartir recursos
tecnolóxicos que incrementen a produtividade, as vendas, a
competitividade, a visualización, a presenza en buscadores e a
eficiencia. A xornada Aprende a deseñar unha estratexia de
marketing dixital para unha pequena empresa celebrarase o días
18 e 20 de setembro no local que a asociación ten na rúa Rosalía
de Castro de Ribeira.
A persoa encargada de impartir os contidos será
Javier Rocamora, consultor de mercadotecnia dixital, xestión de
redes sociais e comercio electrónico. As prazas son limitadas. As
incricións cómpre facelas a través da conta
correo@empresariosriveira.com.
A xornada é froito da colaboración entre a
patronal de Ribeira e a Cámara de Comercio de Compostela.
O relator da xornada
Como dixemos, a persoa encargada de impartir estes
contidos será o experto en ecommerce e redes sociais Javier
Rocamora, profesional das novas vertentes da xestión comercial,
amais de consultor autónomo e formador especializado neste campo en
concreto. Rocamora publica de xeito regular artigos en Marketing
For eCommerce, unha das publicacións online de
referencia a nivel nacional en comercio electrónico. Entre seus
proxectos máis destacados figuran a redacción de contidos no
proxecto Vendes en Internet? da entidade estatal Red.es, o
deseño e implantación da estratexia dixital a nivel europeo da
multinacional islandesa Saeplast, a xestión da campaña estival na
Rede de 2017 para Turismo de Galicia e o Camiño de Santiago ou a súa
participación en proxectos para Telefónica, Applus, Carrefour,
Media Markt, Grupo Vegalsa-Eroski, Pescanova, Elogia Media, BAP
Conde, Roi Scroll e un longo etcétera.