A páxina de Facebook de PadronVirtual.com supera xa os 1500 seguidores

martes, 29 de novembro do 2011 Raquel Noya

PadronVirtual.com, o escaparate na Rede das empresas e comercios da comarca do Sar que dende a súa posta en marcha nunca deixou de apostar polo incentivo dos seus clientes, agasallándoos con todo tipo de material tecnolóxico, vén de superar os 1500 seguidores na súa páxina de Facebook, pasando ben por enriba da barreira psicolóxica deste tipo de aplicacións en liña.
Dende esta rede social, a web anuncia todo tipo de actividades e eventos que teñen relación cos seus asociados, así como descontos, novidades, ofertas, e mesmo fotografías de produtos que os clientes poden atopar nas tendas físicas.
Malia que leva pouco menos dun ano en funcionamento, esta páxina foi incrementando paseniñamente os seus seguidores, ata chegar á cifra actual, que xa colleu carreira cara os 1600.
Durante este mes de novembro, neste espazo virtual leváronse a cabo varios sorteos de camisetas para nenos, doadas pola empresa Pitufolandia de Padrón, e no vindeiro mes de decembro, “tamén haberá máis sorpresas”, segundo anuncia a organización, que aproveita para agradecer aos seus seguidores o apoio prestado día tras día.
Entre as devanditas “sorpresas”, cabe salientar a posta en marcha dunha promoción da man do Videoclub Adro II, que consiste nun sorteo entre os seus clientes dun reprodutor BLU-RAY e 200 euros en recargas. O prazo para participar remata o vindeiro 21 de decembro.

PUBLICIDADE