A placa Ardunio e o Escornabot centraron un obradoiro de outono no Campus de Ourense

xoves, 24 de novembro do 2022 S. P.

O software-hardware libre Arduino e o Escornabot, o popular proxecto robótico de código aberto con gran potencial para usos docentes en materia de programación, centraron esta tempada un obradoiro maker que puxo o foco no ámbito educativo e na iniciación ao desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas. Celebrouse na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense durante os meses de outubro e novembro. O obradoiro Habilidades maker para a educación con Escornabot vén de rematar a súa actividade.
A iniciativa formou parte da programación de obradoiros de extensión universitaria do Campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Dirixido pola profesora Almudena Alonso, a actividade xurdiu como “un espazo para desenvolver habilidades creativas e argalleiras poñendo o foco no ámbito educativo; un espazo para a reflexión e construción conxunta no que a tecnoloxía convértese nun contexto para a mellora da práctica docente”. A formación apostou por trasladar á educación os principios do movemento maker de “formar unha cidadanía dixital crítica e mellor preparada”.
A programación do actividade arrancou cunha introdución á robótica educativa e máis concretamente ao proxecto Escornabot. Cun carácter eminentemente práctico, as e os asistentes continuaron a súa formación coa montaxe, experimentación, programación e personalización dun robot Escornabot e o deseño e creación de propostas didácticas. A formación tamén incluíu unha iniciación ao deseño e impresión 3D e á programación e electrónica con Arduino. O obradoiro, sinalou a súa coordinadora, pretendeu promover a filosofía do DIY (Do It Yourself), a ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) e as habilidades maker, ademais da reflexión “sobre as posibilidades destas tecnoloxías, como contexto de aprendizaxe, na educación en xeral e no apoio á diversidade en particular”.
Na formación participaron oito persoas de perfil diverso, entre elas estudantes dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Enxeñaría Informática e do programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas-Enxeñaría Informática. A docencia correu a cargo da propia Almudena Alonso e de Miguel Gesteiro, ambos especialistas en tecnoloxía educativa. A celebración do obradoiro dá continuidade a outras accións formativas similares celebradas en anteriores edicións da programación de extensión universitaria do Campus de Ourense.

PUBLICIDADE