A plataforma ARDE pecha o ano co lanzamento dun arquivo dixital de deseño galego
luns, 29 de decembro do 2025
A plataforma ARDE vai rematar o ano cunha gran novidade: o lanzamento dun arquivo dixital de deseño galego. Segundo explican os responsables da plataforma (DAG - Asociación Galega de Deseño), o proxecto reforza o seu papel como espazo de investigación, difusión e preservación da memoria do deseño en Galicia.
Incorpora unha nova sección, dedicada a compilar pezas de deseño, que se suma ao actual repositorio de recursos e ao podcast Rexistro Sonoro do Deseño Galego.
Logo de meses de traballo, ve a luz o froito da terceira fase desta iniciativa promovida pola Asociación Galega de Deseño que contou para o desenvolvemento da web co estudio vigués Desoños, creadores do deseño da identidade do proxecto e da páxina, e co apoio da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas 2025.
O arquivo, segundo explica DAG, “arrinca cunha pequena escolma de pezas, que non responden expresamente a un relato cronolóxico nin a indicadores de relevancia senón a criterios establecidos no marco do proxecto para garantir a representación das disciplinas e a diversidade de autorías ou tipoloxías de pezas”.
O sitio web aspira a “reunir nunha única fonte os recursos de deseño galego que se atopan diseminados en arquivos, museos, institucións e coleccións, en aras de facilitar o seu estudo e preservación”.
O grupo de traballo, integrado por 9 persoas voluntarias, desenvolveu durante o 2025 o proceso de mapeo e localización de pezas, colaboración con especialistas, definición de criterios de selección e creación das fichas de catalogación, así como o establecemento dos primeiros contactos coas entidades e persoas custodias dos fondos de interese, “un proceso que continuará, de maneira indefinida, para dotar ao arquivo das referencias que permitan un relato histórico máis completo do noso deseño”, engaden.
A iniciativa, que ten vocación pública, quere “facer accesible para a comunidade do deseño e a sociedade o valioso patrimonio cultural e industrial que posuímos”.
De “navegación sinxela e estrutura clara” e cun “sistema de filtrado e organización por categorías”, a páxina permite explorar os contidos de xeito intuitivo, poñendo especial atención ao citado de fontes, recursos relacionados e enlaces ás entidades colaboradoras.
O seu obxectivo a longo prazo non é só preservar ou dar conta da riqueza do acervo cultural e identitario que supón o deseño galego, senón tamén “fomentar conexións entre xeracións, poñendo en relación proxectos históricos con prácticas contemporáneas, fomentando o pensamento crítico en favor de achegar as mellores solucións posibles ás demandas e necesidades sociais”.
