A plataforma GaliciaLe xa conta con máis de 16.700 títulos
venres, 4 de xullo do 2025
A Xunta de Galicia conta cun total de 16.736 títulos en GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Así, desde comezos deste ano ata a data actual adquiríronse 996 novos títulos e 4.378 novas licenzas. No balance achegado pola Consellería de Cultura faise saber tamén que no devandito período realizáronse a través deste sistema, posto en marcha para facilitar o acceso da cidadanía á cultura mediante as tecnoloxías, 124.496 préstamos.
Son datos que deu a coñecer este venres 4 de xullo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do Día Electrónico. No informe saliéntase tamén que no que vai de 2025 os préstamos do catálogo en galego aumentaron un 17% con respecto ao 2024, mentres que na comparativa entre o 2023 e o 2024 o incremento foi dun 31%. No caso do catálogo en castelán, a porcentaxe subiu un 19% e un 31%, respectivamente.
Ademais, os usuarios activos da plataforma mantéñense este ano por riba dos dous anos anteriores, situándose nunha media de 6.000 persoas ao mes polas 5.000 e 4.000 que se rexistraron en 2024 e 2023.
Así mesmo, a través de GaliciaLe +, destinada a usuarios de fóra da Comunidade, realízanse préstamos en países de América, encabezados por Arxentina e Brasil, en Europa, cos Países Baixos á cabeza, e no resto de España, onde os usuarios máis interesados na plataforma proceden de Madrid.
Con respecto á colección, o Goberno galego destacou que está a investir 172.000€ neste 2025 para renovacións e novidades nos catálogos da plataforma, dos que 160.000€ están destinados ao libro electrónico e audiolibros e 12.000€ ao audiovisual galego. Así, actualmente, a composición do fondo, por formatos, conta con 14.955 libros electrónicos, 38 revistas, 523 películas e 1.220 audiolibros.
No informe saliéntase que en 2024 publicáronse 564 títulos en formato electrónico por parte das editoras privadas galegas e comercializáronse 6.952 títulos.
Ademais, convertéronse en audiolibros un total 14 obras comerciais e mantívose o compromiso coa contratación directa de produción de audiolibros de obras clásicas da literatura galega “polo seu valor cultural”. O ano pasado engadíronse 9 títulos e nos vindeiros meses está prevista a encarga da produción de 5 títulos máis e de 11 obras gañadoras do Premio Nortear de literatura entre o 2016 e o 2024.
