A plataforma MPF 2020 potenciará a competitividade de sectores industriais estratéxicos a través da I+D

martes, 29 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

Co obxectivo de mellorar a competitividade de sectores industriais estratéxicos para o país, como a automoción, a construción naval ou o téxtil, unha nova Plataforma Tecnolóxica de Materiais e Procesos de Fabricación (MPF 2020) vai guiar e potenciar a investigación sobre materiais que se está a realizar na nosa comunidade.
A MPF 2020 e a súa Axenda Estratéxica de Investigación foron presentados esta mesma mañá (martes 29 de xaneiro) en Vigo polo director xeral de I+D+i Salustiano Mato de la Iglesia, o presidente da Plataforma, Pedro Merino Gómez e o director do Centro Tecnolóxico AIMEN, Xesús Lago Gestido.
Segundo apuntou Salustiano Mato, a Plataforma MPF 2020 “é unha das nove primeiras potenciadas dende a Consellaría de Innovación e Industria”, está liderada polo Centro Tecnolóxico AIMEN e agrupa a 18 socios do contorno industrial, 5 do contorno tecnolóxico, 4 do contorno universitario e a Administración galega a través da Consellaría de Innovación e Industria.
A Plataforma queda, deste xeito, integrada polo estamento científico e industrial do sector e a propia Administración, con capacidade para consensuar estratexias en Galiza no eido da Enxeñería Avanzada de Materiais e co obxectivo de identificar, definir tendencias e explorar novas e emerxentes oportunidades de investigación neste ámbito que teñan un impacto no tecido industrial galego.