A plataforma TELEA do SERGAS recibe o premio IESE-Novartis

xoves, 30 de xuño do 2022 S. P.

A plataforma TELEA (Seguimento de pacientes mediante teleasistencia no SERGAS), vén de acadar o Premio IESE-Novartis á excelencia operativa en xestión sanitaria, na categoría de Iniciativas innovadoras de xestión baseadas en Novas Tecnoloxías da Información e o Coñecemento. Con esta distinción, TELEA converteuse nunha das 3 iniciativas galardoadas nesta convocatoria, entre as 96 candidaturas que foron presentadas a nivel nacional.
TELEA, en palabras da Consellería de Sanidade, é “unha plataforma tecnolóxica que destaca por presentar unha dobre funcionalidade; por unha banda de cara ao paciente, introducindo datos sobre o seu estado de saúde na aplicación e, polo outra, de cara ao profesional, que visualiza e valora toda esta información na historia clínica do paciente de forma proactiva para poder monitorizar a súa evolución mentres o paciente se encontra no domicilio”. Así mesmo, tamén conta coa posibilidade de utilizar mensaxería -vía SMS-, chamada telefónica e vídeo-consulta, o “que facilita enormemente a comunicación entre pacientes e profesionais sanitarios”. Actualmente, TELEA está configurada para 25 perfís de pacientes tanto do ámbito da atención hospitalaria como de atención primaria.
A maiores da súa aceptación popular e do premio IESE-Novartis, este galardón engádese ao recente recoñecemento recibido por parte da Comisión Europea, que lle concede a TELEA a categoría de Boa práctica (Best Practice) na súa aplicación nos sistemas sanitarios en Europa.

PUBLICIDADE