A plataforma Virtus da USC, recoñecida pola revista AV Integración Audiovisual

xoves, 10 de xullo do 2025 S. P.

Foto de arquivo da inauguración do plató de Virtus en outubro de 2024. Foto: Santi Alvite

A plataforma tecnolóxica Virtus para a investigación virtual da USC vén de gañar o Premio de Integración Educacional na quinta edición dos premios AV de Integración que entrega a revista especializada AV Integración Audiovisual, punto de encontro dos profesionais deste sector.
Con este galardón, un xurado integrado por profesionais de referencia acredita o carácter innovador de Virtus, plataforma inaugurada en 2024 co pulo do financiamento europeo Next Generation (ref. EQC2021-007535-P). Cun montante de 640.218,50 euros, Virtus artellouse como “un espazo común de solucións virtuais avanzadas tanto para a innovación docente e a difusión investigadora como cara a transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido TIC e audiovisual e á sociedade en xeral”.
O xurado destacou que o proxecto “eríxese como un bo modelo de cooperación universidade-empresa” e salientou “o despregue de software e de cámaras PTZ e de estudo de alta calidade, así como o gran número de actividades que abarca o proxecto”. Ademais, puxo en valor que a plataforma toca todas as áreas para avanzar na produción virtual e fixo unha mención especial á implicación de Brainstorm no ámbito educativo, o que rematou de inclinar a súa decisión.
A integración premiada é froito da colaboración ao longo de tres anos entre Virtus (Enrique Castelló, director científico; Roi Méndez, director técnico; e o técnico Manuel Fidalgo), Broad Service (César Aguado, xefe técnico, e Rubén Salinero, técnico) e Brainstorm Multimedia (Mónica Víctor, directora comercial, e Miguel Churruca, director de Márketing).
Partindo dun complexo prego de prescricións técnicas que pormenorizaba ao detalle os obxectivos e retos de Virtus, Broad Service e Brainstorm materializaron nas súas respectivas especialidades competenciais unha densa rede de instalacións e equipamentos no tempo acordado.